O principal obxectivo da biblioteca é dar apoio á docencia, ao estudo e á investigación
Co fin de acadar este obxectivo, respecto ao estudo, a biblioteca mantén unha colección actualizada de manuais, lexislación e monografías recomendadas, que o alumnado de Grao necesita para cursar o seus estudos, seleccionada a partir das guías docentes que cada curso os profesores actualizan.
Ademais a biblioteca conta cun inxente volume de monografías específicas seleccionadas polo profesorado, investigadores, bibliotecarios e usuarios, que serven de apoio á docencia, ao estudo, á investigación e a actividade profesional, xa que esta biblioteca tamén está aberta á sociedade e atende a un nutrido número de profesionais.
Como complemento á actividade intelectual a biblioteca posúe unha colección de obras de referencia: diccionarios e enciclopedias tanto de carácter xeral como especializadas en dereito e materias afíns.
Destaca tamén entre os fondos da biblioteca unha importante colección de revistas impresas e electrónicas, nacionais e internacionais que permiten aos usuarios estar ao día dos temas máis actuais con grande celeridade.
A través dos ordenadores proporciónase acceso a recursos electrónicos, como bases de datos xerais e especializadas, libros e revistas electrónicas e outras ferramentas para a elaboración de traballos académicos.
Completan a colección unha pequena selección de obras literarias e outra de audiovisuais.
Os usuarios poden acceder a estes recursos ben na propia biblioteca mediante acceso directo, co préstamo a domicilio ou a través do acceso remoto aos recursos electrónicos. Pódese tamén acceder ás coleccións doutros centros a través do préstamo intercentros ou a fondos doutras institucións utilizando o préstamo interbibliotecario.
Para facilitar e potenciar o uso da colección a biblioteca presta un servicio de información e referencia que orienta ao usuario tanto en cuestións de uso e funcionamento da biblioteca como nas buscas bibliográficas. Este servizo está, ademáis, respaldado por toda a información recollida na páxina web da biblioteca. E dende 2017 a biblioteca de Dereito está tamén en Instagram e Twitter.
En canto á instalación, a biblioteca é moi ampla: ten tres plantas e un número de postos de lectura por riba das recomendacións respecto ao alumnado matriculado. Ademais ten algunhas mesas dotadas de luz individual e tomas eléctricas para cargar dispositivos electrónicos, ao longo dos próximos meses este sistema extenderáse a outras mesas da planta baixa. Tamén está a disposición do alumnado o uso dunha sala para realizar traballos en grupo.
A biblioteca é un servizo dinámico que pretende adaptarse e ser flexible coas demandas e necesidades dos usuarios, de maneira que está aberta a cambios e propostas de mellora que o usuario pode propoñer a través da caixa de suxestións.