Grao Bilingüe


Se es estudante de Dereito e desenvólveste con facilidade en inglés, podes optar por facer o grao plurilingüe, no que polo menos o 50% das materias impártense en inglés.

Os requisitos para obter este grao son:

  • Ter acreditado polo menos o nivel B1 de inglés ao comezo dacordo coas normas xerais da UDC, e acreditar o nivel B2 ao concluir o primeiro curso académico. Os títulos admitidos son os que figuran neste enlace:–> ver táboa
  • Cursar polo menos 120 créditos en inglés. Podes atopar as materias que se imparten en inglés na Facultade de Dereito UDC nesta ligazón: –> ver materias. Os créditos restantes poderán tamén facerse mediante unha mobilidade nunha Universidade que imparta Dereito en inglés.

Tamén tes a opción de cursar só as materias en inglés que se imparten na Facultade, sen realizar movilidad internacional, e obter a mención de itinerario plurilingüe.

Para incorporarte a este grao ou itinerario debes indicar que desexas a docencia en inglés no momento de facer a matrícula. Ademais, tes que presentar a xustificación do nivel de idioma en secretaría no prazo de 10 días naturais desde que formalices a matrícula. Non pode facer asignaturas en inglés quen no está incorporado ao itinerario plurilingüe.

A docencia en inglés ten límite de prazas (20). Se houbese máis solicitudes, a selección farase por orde de cualificacións das ABAU. Antes do comezo das clases publicarase a relación de alumnos admitidos e a lista de espera. Para facilitar a incorporación ao ensino en inglés, os estudantes que opten por esta posibilidade quedarán automaticamente asignados ao grupo de mañá.

Se non seleccionaches o ensino en inglés ao facer a matrícula e quedan prazas vacantes no grao plurilingüe, poderás solicitar a incorporación presentando en secretaría a solicitude e o xustificante do idioma nas dúas primeiras semanas do curso. Con todo, neste caso terás que asistir ás clases que non sexan en inglés na quenda que che corresponda segundo o teu apelido.

Podes desistir de cursar o grao ou itinerario plurilingüe e incorporarte ao grao en castelán/galego nas dúas primeiras semanas do curso presentando un escrito en secretaría.

A incorporación ao grao ou itinerario plurilingüe debes solicitala ao comezar a carreira. Aínda que quedas automaticamente adscrito a esta titulación, nos cursos seguintes debes seleccionar a docencia en inglés nas materias que corresponda ao facer a matrícula. Se non desexas continuar neste grao ou itinerario debes presentar un escrito en secretaría pedindo a adscrición ao grao en castelán/galego dentro do prazo de matrícula ordinaria.

Nota importante: estas normas comenzarán a aplicarse no curso 2020-2021. Non afectan aos estudantes que xa están cursando o itinerario bilingüe.