Benvido/a á Facultade de Dereito da Universidade da Coruña!
Xulio Xosé Ferreiro Baamonde
Decano
A Coruña é a capital xurídica de Galicia. Na nosa cidade ten a súa sede o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia, a Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia ou o Consello Galego da Avogacía, entre outras institucións, como os Ilustres Colexios da Avogacía e da Procura, ou a Audiencia Provincial da Coruña. A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña é unha peza mportante deste ecosistema xurídico dende 1987. Levamos décadas formando xeracións de xuristas que hoxe exercen todo tipo de profesións no noso país e internacionalmente, tanto na esfera pública como na empresa privada.
Dende 1996 a Facultade ten a súas dependencias no Campus de Elviña, nun edificio que ofrece aos seus estudiantes unhas magníficas instalacións, tanto no aulario, adaptado á docencia interactiva e persoalizada, como no acceso ás tecnoloxías da información e do coñecemento. Temos unha magnífica biblioteca con ducias de miles de volumes, e o acceso ás principais bases de datos xurídicas e internacionais, así como espazos adicados ao estudo, ao traballo en grupo e ao esparcimento e vida social do estudantado.
A Facultade de Dereito da UDC ten unha ampla oferta académica que se adapta á demanda de todo tipo de estudantes. Os e as estudantes de Grao teñen a oportunidade, de cursar os seus estudos a través dun itinerario bilingüe (ou máis ben trilingüe, en castelán, galego e inglés, sendo nesta última lingua impartidos máis do 50% dos créditos), de optar a unha doble titulación coa Universidade do Sur de Gales, ou de facer simultánemanete estudos de Dereito e de ADE. Os estudantes de posgrado poden elixir entre cursar o Mestrado da Avogacía, habilitante para o exercicio da profesión e organizado conxuntamente co Colexio de Avogados da Coruña, o Mestrado en Dereito Dixital e IA (MUDDIA), e dous diferentes programas de doutoramento, además dunha ampla oferta de títulos propios. Ademais, as oportunidades de intercambio académico con universidades españolas, europeas, americanas e mesmo asiáticas son múltiples e permiten ao estudantado adaptar o seu desenvolvemento curricular ás súas demandas e intereses.
Pero seguramente o mellor que pode ofrecer a Facultade de Dereito da Universidade da Coruña é o seu equipo humano. Temos un cadro de profesorado que combina reputados e expertas investigadoras e docentes xunto con xóvenes xeracións que combinan unha ampla formación e un espíritu de innovación e inconformismo; un persoal de administración e servizos comprometido coa Facultade e sempre disposto a axudar ao estudantado. Ademais, recibimos estudantes das máis diversas procedencias, o que crea na nosa Facultade un ambiente de diversidade e multiculturalidade no que calquera pode sentirse cómodo.
E todo isto nunha cidade sen dúbida inmellorable para vivir, á beira do mar, cunha ampla oferta cultural e de ocio, cosmopolita, pero con carácter propio. En definitiva, se estás pensando en cursar estudos de Dereito na nosa Facultade, non o dubides, este é o teu sitio. Se xa formas parte da nosa comunidade, benvido, benvida, estamos aquí para o que precises.
Xulio Ferreiro Baamonde.
Decano da Facultade de Dereito da UDC.