Aprendizaxe Servizo – ApS


A ApS é unha metodoloxía docente que combina os procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun único proxecto, no cal as persoas participantes traballan sobre necesidades reais da contorna co obxectivo de a mellorar.

Trátase dunha actividade formativa que integra o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos e a adquisición de competencias a partir da práctica reflexiva.

A principal diferencia co voluntariado reside en que os proxectos de ApS dan resposta sempre a resultados de aprendizaxe asociados a unha materia do currículo académico co obxectivo de acadar determinadas competencias propias da súa titulación.

Aprendizaxe–Servizo (ApS) na Facultade de Dereito

Existe algún proxecto de ApS na Facultade de Dereito?

A ApS se aplícase, polo de agora, nas prácticas curriculares. É unha posibilidade máis entre os diversos destinos onde os estudantes poden realizar as prácticas curriculares.

Por tanto, está sometida ás mesmas normas, prazos e modo de cualificación, aínda que existe algunha particularidade no seguimento e na avaliación para garantir o correcto desenvolvemento do proxecto.

Quen pode acceder á ApS?

Calquera estudante que obtivera praza nas prácticas curriculares poderá elixir e desenvolver un proxecto de ApS.

Quen é o responsable da ApS?

A ApS débese realizar sempre en colaboración cunha entidade con fins sociais.

No proxecto actual a entidade é Cáritas, coa que a UDC ten asinado un convenio de colaboración. Esta entidade designará o titor profesional, que será un asistente social do centro de atención primaria.

Os titores académicos son Carmen Garcimartín, Rocío Quintáns e Xosé Manuel Carril.

En que consisten as prácticas mediante ApS?

As prácticas desenvolveranse de dous xeitos distintos:

1. Os estudantes -máximo catro- realizarán unha intervención directa en familias en risco de exclusión social, orientados polos titores.

Deben analizar a situación real das persoas e as posibilidades de mellora en distintos campos, pero sempre desde a perspectiva xurídica. Para iso estudarán os requisitos esixidos para acceder ás axudas sociais de carácter local, autonómico ou estatal e ás prestacións que se axusten ás necesidades que detecten; orientarán as familias para a solicitar as devanditas axudas e prestacións, así como as institucións e organismos a que se poderán para as distintas necesidades que lles xurdan. Así mesmo, examinarán a situación xurídica doutros aspectos que poidan resultar descoñecidos ou complicados para a unidade familiar: alugamentos, sucesións hereditarias, procedementos de incapacitación ou outros.

A entidade -centro de atención primaria de Cáritas- facilitaralles os datos das familias máis adecuadas para esta actividade. Ademais da orientación do titor profesional, os estudantes estarán acompañados -cando sexa necesario- polo persoal do centro.

2. Un día á semana os alumnos ofrecerán asesoramento xurídico ao persoal usuario do centro en todos aquelas cuestións que lles susciten dúbidas ou dificultades xurídicas, axudándolles a resolvelas se están dentro das súas competencias e capacidades ou derivándoas ao persoal especializado –de acordo co titor profesional– que se poida ocupar de resolver a situación.

Onde terá lugar a ApS?

O centro de atención primaria de Cáritas está na zona dos Mallos.

A intervención terá lugar en familias do Concello da Coruña.

O asesoramento semanal poderase realizar, se se considera conveniente, no centro Violetas, situado no barrio das Flores.

Cal son os obxectivos da ApS?

O servizo ten un obxectivo dobre.

Respecto dos estudantes, a ApS ofrece unha experiencia práctica real, non meramente teórica, na área xurídica. Isto permitiralles apreciar mellor as súas fortalezas e carencias, así como as habilidades adquiridas durante os estudos de grado.

Respecto das familias en que se intervén, a ApS brinda unha mellora da súa situación a través das axudas e programas das entidades públicas competentes. Ademais do obxectivo inmediato de clarificar a súa situación e facilitar o acceso ás axudas que poidan solicitar, trátase tamén de facilitar a información necesaria para que as persoas implicadas cheguen a autoxestionar a súa situación. No programa de autoemprego porase especial énfase neste segundo obxectivo.

Hai algún sistema de seguimento ou avaliación do proxecto?

O seguimento do proxecto levarase a cabo a través dun informe semanal que deberán enviar os alumnos ao titor académico.

No informe debe constar o seguinte:

  • As actuacións realizadas
  • As melloras efectivas que se produciron como consecuencia da intervención.
  • Os procedementos en curso e a data estimada de conclusión.
  • As dificultades que atoparon e como se resolveron.
  • Os comentarios das persoas do centro de día que coordina a actividade.

O informe final debe conter, ademais, unha avaliación persoal do estudante que poña de manifesto en que medida puxo en práctica as aptitudes e os coñecementos adquiridos durante a carreira, así como unha valoración de conxunto sobre a metodoloxía da ApS en xeral e sobre esta ApS en particular.