Xunta do centro e comisións


Xunta de Facultade

Está composta por

1. A Xunta de Facultade estará constituída por:

a)   O/a decano/a, que a convocará e a presidirá.

b)   Os/as vicedecanos/as e o/a secretario/a, que o/a será tamén da Xunta.

c)   Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, co límite do 51% do número total de membros da Xunta. Unha representación do resto de profesorado que imparta docencia maioritaria no centro e do persoal investigador e en formación que colabore na docencia nunha proporción do 12%, sempre que sexa posible.

d)   Un 28% de estudantes do centro.

e)   Un 9% de persoal de administración e servizos.

2. O profesorado que imparta docencia en máis dun centro será membro da Xunta de Facultade de Dereito cando a desenvolva maioritariamente neste centro.

3. As persoas representantes na Xunta de Centro serán elixidas para un período de dous anos.

Estas son as súas competencias

Como órgano colexiado de goberno do centro, á Xunta de Facultade correspóndelle:

1. Elixir o/a decano/a e, se for o caso, revogalo/a.

2. Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e de administración do centro.

3. Informar sobre a implantación de novas titulacións e estudos.

4. Elaborar e aprobar as propostas de planos de estudos das titulacións que se impartiren no centro.

5. Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plano docente do centro coordinadamente cos departamentos adscritos ao centro.

6. Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que impartiren neles os departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos que se establecen para cada titulación.

7. Programar os servizos e os equipamentos do centro e mais supervisar a súa xestión.

8. Acordar a distribución dos créditos que se lle concedan ao centro e controlar a súa aplicación.

9. Modificar ou, de ser o caso, derrogar o Regulamento de réxime interno do centro e remitilo ao Consello de Goberno para a súa aprobación.

10. Organizar actividades de formación permanente e de extensión universitaria.

11. Calquera outra competencia que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña.

Comisión Permanente da Xunta de Facultade

Está composta por

1. A Comisión Permanente estará composta por:

a)   O/a decano/a, que a presidirá e convocará.

b)   O/a vicedecano/a/os/as e o/a secretario/a, que o será tamén da Comisión Permanente.

c)   Nove profesores/as, dos cales sete serán profesores/as con vinculación permanente, e dous con vinculación temporal, garantíndose a presenza de profesores de todos os departamentos adscritos ao centro.

d)   Catro representantes dos estudantes.

e)   Un representante do persoal de administración e servizos.

2. Os membros da Comisión Permanente teñen que ser membros da Xunta de Facultade. A elección para ocupar os postos da Comisión Permanente realizarana os membros de cada sector no seo da Xunta de Facultade. As candidaturas correspondentes a cada un dos diversos sectores que representan presentaranse na Secretaría do Decanato. Se o número de candidatos non for superior aos postos que se asignaren, procederase á súa proclamación sen necesidade de elección.

3. Para a súa renovación seguiranse os mesmos criterios que establece o artigo 8.3 do presente regulamento e o que dispón, para as Xuntas de Facultade, o Regulamento de réxime electoral.

Estas son as súas competencias

A Comisión Permanente será competente para:

a)   Coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite.

b)   Asesorar o/a decano/a en todas aquelas cuestións que este lle someta á súa consideración.

c)   Coñecer e adoptar acordos sobre calquera asunto que, aínda que sexan competencia do pleno da Xunta e non estean reservados expresamente a esta, lle foren delegados por este.

d)   Coñecer e, se for o caso, decidir sobre os asuntos que lle fosen presentados polas diversas comisións que están previstas neste regulamento e, de ser o caso, suplir a ausencia das súas actividades.

Comisións Delegadas da Xunta de Facultade

Comisión de Docencia

1. A Comisión de Docencia estará integrada polo/a decano/a, que será o seu/a súa presidente/a, o/a vicedecano/a competente na materia, o/a secretario/a da facultade, que actuará como secretario/a, os/as directores/as dos departamentos que estean adscritos á facultade, dous/dúas profesores/profesoras doutores/as, catro estudantes, un/unha dos/das cales será de posgrao no caso de existiren candidatos e un/unha representante do sector de persoal de administración e servizos. No caso de que algún/algunha dos/das directores/as de departamento non fose membro da Xunta de Facultade, o/a director/a designará un/unha profesor/a do seu departamento que sexa membro da Xunta de Facultade. En todo caso, poderán asistir con voz mais sen voto os/as coordinadores/as de Mestrado, de Doutoramento e de Titulacións, e os/as coordinadores/as dos programas de mobilidade.

2. A Comisión de Docencia, que actuará como Comisión de Validacións, será competente con carácter xeral para tomar iniciativas e pronunciarse sobre os asuntos que lle fosen encomendados no ámbito da organización e do desenvolvemento da docencia e, en particular, para o seguinte:

a) Organizar as actividades docentes e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que impartan no centro os departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos que están establecidos para a titulación.

b) Aprobar o horario das clases teóricas e prácticas de cada curso académico.

c) Aprobar o calendario de exames das convocatorias oficiais.

d) Elaborar os criterios xerais de validacións e de adaptacións do centro.

e) Propoñer a concesión de validacións e de adaptacións de estudos para a súa resolución pola Comisión de Planos de Estudos do Consello de Goberno e a concesión de traslados de expediente para a súa resolución polo/a decano/a.

f) Emitir o informe sobre o labor docente do profesorado para os efectos do recoñecemento do complemento de méritos docentes.

g) Coñecer calquera outra cuestión relativa á docencia que se puidese presentar ao longo do curso académico.

Comisión de Garantía de Calidade (CGC)

1. A Comisión de Garantía de Calidade estará constituída polo/a decano/a, ou o/a vicedecano/a en quen delegar, que a presidirá, o/a vicedecano/a responsable de calidade; o/a vicedecano/a responsable de relacións internacionais; o/a secretario/a da facultade que o será da Comisión; o administrador da facultade, responsable da xestión administrativa das titulacións do centro; un/unha profesor/a representante de cada un dos departamentos adscritos ao centro, por proposta destes, e designados pola Xunta de Facultade; tres estudantes, un/unha dos/das cales será de posgrao ou de doutoramento no caso de existiren candidatos; os coordinadores académicos dos mestrados universitarios ofertados polo centro, o coordinador/es de Doutoramento e de Titulacións; un representante do PAS do centro, designado pola Xunta de Facultade. Por iniciativa do/da decano/a poderán ser invitadas a participar nas reunións da CGC, con voz e sen voto, unha persoa da Unidade Técnica de Calidade (UTC) da UDC; así como a outras persoas que, de ser o caso, teñan relación directa cos puntos establecidos da orde do día.

2. Son competencias da Comisión de Garantía de Calidade as seguintes:

a)   Realizar o seguimento dos plans de mellora das titulacións que se imparten no centro (estudo do nivel de cumprimento das accións que se propoñan, análise dos resultados que se obtiveron, procura de indicadores de execución dos plans).
b)   Coordinar e promover accións correctoras que estean destinadas a mellorar a calidade da docencia.
c)   Elaborar unha memoria anual sobre o grao de execución e satisfacción dos plans de mellora.
d)   Elaborar e facer o seguimento, se proceder, de calquera informe de avaliación da calidade que se lle solicite ao centro.
e)   Impulsar e coordinar o proceso de elaboración do plan estratéxico da titulación.
f)   Promover relacións cos axentes sociais e económicos que redunden na mellora das titulacións e na inserción laboral dos/das licenciados/as.
g)   Impulsar, en coordinación coa Comisión de Docencia, a implantación dos créditos ECTS.
h)   Calquera outra función que, relacionada coa calidade, lle asignar a Xunta de Facultade.

3. A composición da Comisión de Garantía de Calidade incorporarase ao Sistema de Garantía Interno de Calidade (SGIC).

Comisión de Asuntos Económicos e Infraestructuras

1. A Comisión de Asuntos Económicos e Infraestruturas estará integrada polo/a decano/a, ou polo/pola vicedecano/a en quen delegar, que a presidirá, o/a secretario/a da Facultade que o será da comisión, dous/dúas representantes do PAS, un/unha representante de cada departamento adscrito á facultade e dous/dúas alumnos/as. Asistirá con voz e sen voto o/a xefe/a de negociado, en caso de que non fose membro elixido polo sector do P.A.S.

2. Son competencias da Comisión de Asuntos Económicos e Infraestruturas:
a) Adoptar anualmente os criterios para a asignación de recursos do centro que serán destinados ao seu funcionamento e á atención das tarefas que lle son propias.

b) Elaborar para o seu debate e, se for o caso, para a súa aprobación, unha estimación dos ingresos e dos gastos do centro no seu conxunto coa repartición máis pormenorizada posible dos capítulos e das unidades de gasto que se prevén para o exercicio económico seguinte.

c) Elaborar unha conta xeral dos ingresos e dos gastos do centro no seu conxunto onde se distingan capítulos, conceptos e, no que sexa posible, unidades de gasto unha vez que remate cada exercicio económico.

Comisión de Biblioteca

1. A Comisión de Biblioteca estará formada polo/a decano/a, ou o/a vicedecano/a en quen delegar, que a presidirá; o/a secretario/a da facultade que o será da Comisión; o/a director/a da biblioteca do centro; seis profesores/as adscritos ao centro, garantíndose que polo menos cada departamento adscrito ao Centro conte cun/unha representante; catro alumnos/as, dos cales un será de posgrao no caso de existiren candidatos, e un membro do persoal de administración e servizos do centro.

2. A Comisión de Biblioteca será competente para pronunciarse e para decidir sobre os asuntos que, no ámbito da súa actuación, lle fosen encomendados e, en particular, para aprobar a distribución dos recursos que se lle asignen ao centro para adquirir material bibliográfico, así como para todas aquelas cuestións que estean relacionadas coa xestión e coa organización dos servizos da biblioteca.

Comisión de Actividades Culturais e Extensión Universitaria

1. A Comisión de Actividades Culturais e Extensión Universitaria estará integrada polo/a decano/a, ou o/a vicedecano/a en quen delegar, que a presidirá, o/a secretario/a da facultade que o será da comisión, un/unha representante do profesorado, cinco alumnos/as e un PAS.

2. A Comisión de Actividades Culturais e Extensión Universitaria será competente para recibir, tomar iniciativas e pronunciarse sobre todos aqueles asuntos que, no ámbito da súa actuación, lle fosen encomendados e que, con carácter xeral, contribúan ao fomento e ao desenvolvemento da formación cultural e xurídica da comunidade universitaria, correspondéndolle para tales efectos a xestión da partida orzamentaria da facultade que está prevista para esas actividades.