Facilities and resources


A Facultade de Dereito conta con todos os recursos técnicos para garantir unha docencia de calidade. A tecnoloxía multimedia posta ao servizo docente conta con material portátil (ordenadores, videoproxectores, retroproxectores e demais medios audiovisuais necesarios para impartir a docencia) e fixo instalado en todas as aulas, que dispoñen de PC e videoproxector.

As aulas existentes cobren todas as necesidades, posto que as hai de alta capacidade (en torno a 250 postos), de capacidade media (120) e pequenas (50), situadas no primeiro e no segundo andar do edificio. No andar baixo sitúanse o salón de actos e o de graos. O primeiro conta con máis de 300 butacas, megafonía e un sistema de tradución simultánea, deseñado para a súa utilización en grandes eventos. O salón de graos dispón de 100 asentos e posúe todos os recursos multimedia necesarios para o desenvolvemento de xornadas, de conferencias e de actos académicos.

Asimesmo, a Aula Net, situada no primeiro andar, ofrece aos alumnos da Facultade unha sala con máis de vinte equipos informáticos e a posibilidade de conexión de balde a Internet, baixo as condicións xerais de uso destas aulas.

A biblioteca do Centro, que ocupa tres plantas do edificio, dispón de máis de 600 postos de lectura, de varios ordenadores e impresoras que se distribúen polos diferentes andares, material dirixido á consulta de catálogos de fondos e manexo de bases de datos. Na actualidade existen máis de 70.000 monografías catalogadas. Polo que se refire ao número de revistas hai subscrición aberta a preto de 500 de temática xurídica.

Por último, a Facultade conta con tecnoloxía sen fíos en todas as dependencias e espazos do centro, o que permite, logo de acreditación, a conexión a Internet sen fíos a través dun ordenador portátil.