Homologación de títulos estranxeiros

A realización das probas de conxunto para a homologación de títulos estranxeiros de educación superior dáse naqueles supostos en que a formación acreditada non garda equivalencia coa que proporciona o título español correspondente. Desta maneira, a homologación queda condicionada á superación polo interesado da referida proba, que terá que versar sobre os coñecementos básicos da formación española requiridos para a obtención do título.

 

As resolucións por que se acorda que a homologación do título estranxeiro de educación superior quede condicionada á superación dunha proba de conxunto, deberán ser motivadas coa indicación do carácter xeral ou específico das citadas probas e das carencias de formación observadas e que xustifiquen a esixencia da proba. Nos casos de proba de conxunto de carácter específico, que son os que normalmente se producen na nosa facultade, o contido da proba deberá afectar á totalidade das materias troncais que se mencionen na resolución que a esixa. A citada proba realizarase na universidade pública española que libremente elixa o interesado sempre que teña implantados os estudos que conducen á obtención do correspondente título español.

 

As probas de conxunto terán lugar, polo menos, dúas veces ao ano. A data de realización coincidirá coa das convocatorias ordinarias e extraordinarias da universidade e anunciarase cunha antelación de, polo menos, trinta días naturais. Tribunal cualificador: Co fin de avaliar as probas, en cada centro constituirase un tribunal cualificador. Este estará composto por cinco funcionarios de carreira dos corpos docentes universitarios que pertenzan a aquelas áreas de coñecemento a que se achen vinculadas as materias troncais do título que se solicita. Cada un dos membros do tribunal pertencerá a unha área diferente, sempre que o número das que correspondan ás materias troncais sexa igual ou superior a cinco. Cando non se alcance esa cifra poderá haber, como máximo, dous membros desta área no tribunal.

 

Ao comezo do curso académico deberán estar dispoñibles os programas que son obxecto da proba de conxunto. Ao termo de cada convocatoria, as universidades farán pública unha relación nominal coas cualificacións obtidas polos interesados, especificando a materia ou as materias superadas. Os interesados poderán presentar reclamacións no prazo de dez días. As universidades enviarán á Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Educación e Ciencia unha relación nominal de cada un dos aspirantes avaliados, unha vez que superen a totalidade das materias que son obxecto da proba, xunto coa cualificación obtida.Documentos que ten que presentar o interesado que desexe realizar a proba na Facultade de Dereito da Coruña:

 

Resolución definitiva do Ministerio de Educación e Ciencia sobre o contido da proba de conxunto.

Solicitude en que manifeste que elixe esta universidade para realizar a proba.

Fotocopia do DNI, pasaporte ou documento de residencia, xunto co orixinal para cotexar.

Pagamento dos prezos públicos da proba, para o que a administración do centro lle facilitará os impresos oportunos unha vez que presente os documentos anteriores.

 

As dúas convocatorias anuais que se desenvolven na nosa Facultade teñen lugar a mediados de xuño e de setembro.

Programa Proba de Conxunto

Composición do tribunal calificador

Datas das probas

Plazo de matrícula y fechas exámenes junio y septiembre de la Prueba de Homologación de Títulos Extranjeros 2015-16.