Convocatoria de exames licenciatura a extinguir


LICENCIATURA EN DEREITO

Norma xeral: O alumnado matriculado nesta facultade ten dereito a concorrer e a ser cualificado en dúas convocatorias que regulamentariamente se realicen no curso académico: ordinaria e extraordinaria, normalmente en xuño e en setembro. Mais existe tamén outra convocatoria extraordinaria no mes de decembro. Se un alumno se presenta a esta, só poderá acudir nese curso académico a unha máis (quer á convocatoria de xuño, quer á de setembro).

Número máximo de convocatorias: O número máximo de convocatorias de que dispón o alumnado para superar unha materia é de SEIS, a que hai que engadir unha sétima de carácter extraordinario. Os NON PRESENTADOS non computan convocatoria para estes efectos.

 Convocatoria extraordinaria de decembro
Convocatoria extraordinaria fin de carreira
¿Quen se pode presentar á convocatoria extraordinaria de decembro?

Aquel alumnado que repita materia, é dicir, que estivese matriculado nesta ou noutra universidade desa materia, sempre que for o mesmo plano de estudos, e se matricule desta no curso académico en que se vaia examinar.

Non ten que pagar prezo público ningún, aínda que deberá inscribirse dentro do prazo que se establecer e manifestar cales son as materias a que desexa concorrer na convocatoria extraordinaria.

 Poderá inscribirse nun máximo de tres materias (en planos de estudos non renovados) ou en 36 créditos (en planos renovados). Logo de se inscribir, aínda no caso de que non se presente a exame, só terá dereito a acudir a exame nunha convocatoria máis (xuño ou setembro).

 Caso de superar algunha das materias a que se presenta nesta convocatoria, o alumnado pode ampliar matrícula en tantas materias como aprobar (máximo tres) no prazo establecido pola Facultade (habitualmente na primeira quincena do mes de marzo).

¿Quen se pode presentar á convocatoria extraordinaria de fin de carreira?

 Aquel alumnado a que lle reste un máximo de tres materias para finalizar a licenciatura (no caso de planos renovados 36 créditos) sempre e cando cumprir o período de escolaridade que se prevé nas disposicións vixentes. Este requisito enténdese cumprido cando o alumno se matriculou con anterioridade en todos os cursos que integran os estudos que realiza. Non é necesario que estivese matriculado con anterioridade das materias desta convocatoria extraordinaria.

O alumnado está obrigado a se matricular en todas as materias que lle falten para finalizar a carreira (máximo tres).

Para concorrer a esta convocatoria é necesario pagar os prezos públicos vixentes, que só dan dereito a participar nos exames de fin de carreira.

As convocatorias extraordinarias de decembro e de fin de carreira son incompatibles. Isto quere dicir que o alumno que cumprir os requisitos para acudir ás dúas, deberá optar por unha delas.

No suposto de que o alumno se matricular da convocatoria ordinaria e na de fin de carreira e superar todas ou algunha das materias nesta última convocatoria, ten dereito á devolución dos prezos públicos que pagase pola convocatoria ordinaria, logo de pedimento.