Aula Aranzadi

Ubicación: Planta Primeira

Horario: 11:30 a 14:30 horas, de luns a venres.

Persoal:

  • Directora: Profa. Dra. Dña. María Rovira Sueiro.

Teléfono: 981 167 000 Ext:1632.


aranzadi1A Aula Aranzadi sitúase no primeiro andar da Facultade de Dereito e ofrece ao alumnado uns recursos inmellorables para formarse no manexo das fontes legais, xurisprudenciais e doutrinais que resultarán imprescindibles para o desempeño da súa futura ocupación como profesionais do Dereito.

Para este fin, a Aula dispón de diversas coleccións no tradicional soporte do papel (desde os xa clásicos repertorios de lexislación e de xurisprudencia ata os máis recentes dossiers prácticos, libros electrónicos e monografías especializadas nos diversos ámbitos do Dereito), que poderán ser consultadas nun dos vintecatro postos de lectura con que conta a aula, e dunhas actualizadas bases de datos de lexislación, de xurisprudencia e de bibliografía, que poderán ser utilizadas a través dunha das cinco terminais de ordenador conectadas a un servidor en que se acha o DVD da base de datos.

Polo que se refire ás bases de lexislación, o alumnado poderá consultar unha ampla selección das disposicións comunitarias publicadas desde 1952 ata a actualidade (lexislación europea), todas as disposicións de carácter xeral publicadas no BOE, como texto completo e cun estudo de vixencias desde o ano 1978 ata a actualidade e con información referencial desde 1930 ata 1977 (lexislación estatal), así como unha completa información normativa das diversas comunidades autónomas (lexislación autonómica).

Canto ás bases de xurisprudencia, nelas pódense achar todas as sentenzas do Tribunal Constitucional desde 1981 e unha ampla selección de autos, en que se inclúen, así mesmo, as sentenzas pronunciadas polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos; as sentenzas do Tribunal Supremo, como texto completo desde o ano 1979 e con información referencial ás sentenzas de data anterior; unha ampla selección das sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza e das Audiencias Provinciais; e as resolucións máis relevantes de certos tribunais e órganos administrativos como son o Tribunal de Defensa da Competencia e o Tribunal Económico Administrativo Central.

Por último, a oferta informática da Aula complétase cunha exhaustiva base de bibliografía en que se inclúen os textos íntegros de todos os artigos que aparecen en publicacións periódicas, en repertorios e en revistas especializadas da editorial Aranzadi, así como referencias ao seu fondo monográfico e a unha ampla selección das máis prestixiosas publicacións xurídicas.

Listaxe dos recursos bibliográficos