Programa Erasmus+

 

O programa Erasmus é unha acción da Unión Europa que ten como obxectivo apoiar as actividades europeas das institucións de ensino superior e impulsar a mobilidade e o intercambio de docentes e estudantes neste ámbito. Trátase de fomentar as posibilidades de cursar parte dos estudos nunha universidade estranxeira (con posterior recoñecemento na universidade de orixe), para favorecer o coñecemento da cultura e o mundo académico de países do noso contorno e para afondar así na integración e no coñecemento mutuo dos diferentes países que forman a Unión Europea.

A posibilidade de cursar estudos noutros países europeos é factible grazas aos convenios que asina a Universidade da Coruña con outras universidades estranxeiras. En relación coa Facultade de Dereito, existen convenios con varias universidades en diferentes países:

Alemaña, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Francia, Holanda, Hungría, Italia, Lituania, Polonia, Portugal, República Checa, Rumanía, Turquía

 

Existen táboas de equivalencia de estudos que establecen as equivalencias entre as materias da Facultade de Dereito da Coruña e a correspondente Facultade de Dereito estranxeira. Deste xeito o estudante, no momento de solicitar a mobilidade Erasmus, coñece que materias debe cursar na universidade de destino para que despois, ao regresar, sexan validadas polas correspondentes materias da Facultade de Dereito da Coruña.

A convocatoria para participar no programa Erasmus e cursar estudos no estranxeiro ábrese, polo xeral, no mes de febreiro de cada ano, por unha resolución reitoral que establece un prazo para solicitar destino nunha universidade e as axudas económicas que cubran parcialmente os gastos de estadía no país de destino.

Polo que se refire ás prazas para estudantes Erasmus, dependen de cada universidade de acollida, e aparecen claramente sinaladas en cada convocatoria. Polo xeral non todas as prazas son cubertas na primeira convocatoria e, se iso sucede, ábrese unha segunda cara ao final do curso para ofertar as prazas sobrantes.

En canto ás axudas económicas, existe financiamento por parte da Universidade da Coruña e tamén por parte da Xunta de Galicia.

Todo este proceso de solicitude de mobilidade Erasmus é xestionado pola Oficina de Relacións Internacionais da Universidade da Coruña e conta coa colaboración dos coordinadores departamentais dos diferentes centros desta universidade, que son os que orientan sobre a temática relativa á validación das materias concretas de cada centro. Así, toda a información relativa á oferta de prazas, ás convocatorias, aos trámites e ás axudas económicas pódese achar na páxina web da Oficina de Relacións Internacionais: Oficina de Relacións Internacionais.