O impacto ambiental dos nosos desprazamentos á universidade: A Calculadora da mobilidade da UDC


Dende a UDC Precisamos cuantificar os desprazamentos da comunidade universitaria para acudir ao centro de traballo/estudo, e calcular a pegada ecolóxica (emisións de dióxido de carbono) derivada. Os estudos previos indicaron que a mobilidade contribuía con case o 50% da pegada ecolóxica total da UDC. É dicir, as emisións de CO2 que causa superan as derivadas do consumo de enerxía en toda a UDC.

Coñecermos a nosa pegada ecolóxica é o primeiro paso para adoptar medidas para reducila. Hoxe é unha exixencia dos programas de sustentabilidade e dos sistemas de avaliación como os da CRUE ou de GreenMetric. É tamén un obxectivo importante nos programas Green Campus da nosa Universidade. É por iso que  pedimos a participación de todas/os. A campaña xeral de toma de datos permanecerá aberta até o vindeiro 15 de maio. Pódese participar na seguinte ligazón: https://emapic.es/custom/mobilidade-desprazamentos-udc

A Calculadora da mobilidade da UDC foi confeccionada pola Oficina de Medio Ambiente (OMA – UDC), coa colaboración do o Grupo de investigación FERROTRANS da UDC e do Laboratorio de enxeñaría cartográfica (CartoLab – UDC), e está aloxada no servizo Emapic deste último.

Ao remate, Emapic permite xeolocalizar e visualizar nun mapa os hábitos de desprazamentos da comunidade universitaria. Ofrecerache baixar o teu informe, mentres os datos de mobilidade fican rexistrados, de forma totalmente anónima, para poder estimar a pegada de carbono global da mobilidade na UDC.

A súa realización estímase en 5-10 minutos, se ben vai depender da complexidade e diversidade dos desprazamentos.

Moitas grazas,  agardando avanzarmos na sustentabilidade dos nosos desprazamentos!