Departamentos, áreas e profesores

Departamentos

Clic no departamento para ver as áreas de coñecemento que o compoñen e os profesores:

Dereito Privado
Dereito Público
Dereito Público Especial
Outros Departamentos

Os departamentos son os órganos que se encargan de coordinar o ensino dunha ou de varias áreas de coñecemento nun ou en varios centros, de acordo coa programación docente da Universidade. Apoiarán, así mesmo, as actividades e as iniciativas investigadoras do persoal adscrito á área ou ás áreas de coñecemento da súa competencia. Os órganos de goberno do departamento divídense en unipersoais e colexiados. Son unipersoais o director e o secretario, e colexiado o Consello de Departamento.

Director

O director de departamento ten a representación deste e exerce as funcións de dirección e xestión ordinaria deste. Convoca e preside o Consello de Departamento, executa os seus acordos e vela polo seu cumprimento. É elixido polo Consello de Departamento entre os seus profesores doutores que pertenzan aos corpos docentes universitarios ou, no seu defecto, entre os funcionarios dos corpos docentes universitarios non doutores ou os profesores contratados doutores nos supostos previstos pola lei. É nomeado polo reitor. O seu mandato ten unha duración de catro anos con posibilidade de reelección.

Secretario

Corresponde ao secretario do departamento redactar as actas das sesións do Consello de Departamento, custodiar a documentación e expedir certificacións. É nomeado polo reitor, por proposta do director de entre os profesores e axudantes do departamento.

Consello de Departamento

O Consello de Departamento é o órgano colexiado de goberno do departamento. Ten, entre outras, competencia para:

  • Elixir o director e, no seu caso, revogalo.
  • Programar as actividades docentes e investigadoras do departamento, elaborar o Plano de organización docente e propoñer os programas de doutoramento.
  • Formular os pedimentos de persoal docente e investigador.
  • Organizar cursos ou estudos de posgrao ou especialización dentro do seu ámbito de competencia.

O Consello de Departamento estará composto por:

  • O director, que o presidirá e convocará, e o secretario.
  • Todos os doutores e todos os profesores e os axudantes que se integran no departamento.
  • Un representante dos investigadores con cargo a convocatorias oficiais.
  • Unha representación do estudantado do ámbito da docencia do departamento que suporá un 25% do total dos membros do Consello. Deles, dous terzos serán de primeiro e de segundo ciclo e un terzo de terceiro ciclo.
  • Un representante do persoal de administración e servizos que se adscriba ao departamento.

Os diferentes departamentos contan cunha unidade administrativa a cargo das seguintes persoas:

Departamento de Dereito Privado: Dna. Nuria Vieira Sousa, ext. telefónica 1506.
Departamento de Dereito Público: D. Alejandro Arévalo Pías, ext. telefónica 1624.
Departamento de Dereito Público Especial: Dna. Marina Manteiga Rodríguez, ext. telefónica 1505.

Grupos de Investigación OTRI

Entrar