Atención á Diversidade

O GRUPO DE DEREITO-ADI

adi2A Universidade dispón dunha Unidade Universitaria de Atención á Diversidade (UADI) que se creou en febreiro de 2004 para atender os membros da comunidade universitaria con necesidades especiais, que deriven da discapacidade ou doutras formas de diferenza fronte á poboación maioritaria. A UADI diríxese, por tanto, ao conxunto dos participantes nos estudos superiores: estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

Os seus destinatarios son persoas que experimentan diversas formas de discriminación e barreiras evitables no acceso aos estudos superiores e no desenvolvemento normal da súa vida académica e/ou profesional. Desde a Unidade Universitaria de Atención á Diversidade preténdese desterrar esta percepción prexudicial deste sector da poboación e substituíla por outra que recoñeza as súas capacidades, a súa autonomía e os seus dereitos fundamentais.

No seo desta unidade, creouse un proxecto interdisciplinar, o Proxecto EIPAA (Equipos Interdisciplinares de Apoio á Accesibilidade), do que forma parte un grupo integrado por persoas da Facultade de Dereito pertencentes aos tres sectores desta, é dicir, PDI, PAS e estudantado, que actúa como unha sorte de asesor da UADI. A súa actividade comprende fundamentalmente dúas tarefas específicas:

  1. O asesoramento do alumnado da Facultade de Dereito en cuestións de carácter instrumental, canalizando todas aquelas dúbidas ou peticións que por mor da súa discapacidade lle poidan xurdir ao longo da súa carreira universitaria. Por este motivo, o grupo de Dereito-ADI pon á disposición de todos os membros da comunidade universitaria un correo electrónico:adidereito@udc.es

    Así mesmo, actúan como persoas de contacto nesta tarefa os seguintes membros do grupo:

    • José Antonio Seoane Rodríguez ext.1586
    • Marcos A. López Suárez ext.1544
    • Marta Núñez López ext.1572
  2. A resolución de consultas que proveñen dos distintos membros ou órganos da comunidade universitaria, así como o desenvolvemento das iniciativas que xorden dos distintos equipos do proxecto EIPAA, en que se inclúe o equipo de Dereito. Froito deste labor, xurdiron até o de agora os seguintes informes: Así mesmo, poñemos á vosa disposición a memoria de actividades que levou a cabo este grupo no curso pasado:

O grupo de Dereito-ADI non é un grupo pechado; o noso sistema de traballo é flexible e está aberto a todas as colaboracións que poidas ofrecernos, así como a todas as suxestións que estimes oportunas.

Por isto, invitámoste a colaborar; para facelo só tes que contactar connosco a través do noso correo electrónico.