Actividades do Centro

Actividades formativas realizadas

Desde a Facultade de Dereito da Universidade da Coruña estamos desenvolvendo diferentes actividades formativas co profesorado, coa finalidade de contribuír á adaptación da metodoloxía docente ás esixencias do novo sistema ECTS, baseado fundamentalmente no traballo do estudante e que vai supoñer modificacións no rol do profesor nas aulas.

No ano 2005, o decanato organizou as I XORNADAS SOBRE O PROCESO DE CONVERXENCIA EUROPEA, dedicadas á "educativa e a formación do profesorado na carreira de Dereito", que tiveron lugar os días 14, 21, 28 de outubro e 11 de novembro.

En colaboración coa Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, organizouse a "XORNADA DE FORMACIÓN PARA O ESPAZO EUROPEO DE EDUCACIÓN SUPERIOR" (EEES), que tivo lugar na Facultade de Dereito da Coruña o 28 de abril de 2005.

No ano 2007, o Decanato da Facultade organizou as “II Xornadas de innovación educativa e formación do profesorado na carreira de Dereito”. Nelas, analizouse a adaptación ao Espazo Europeo de Educación superior desde a perspectiva das Axencias de calidade do ensino universitario de Galicia e Portugal, así como a través da actividade realizada nas Facultades de Dereito do Sistema Universitario Galego (SUG) e do norte de Portugal. Así mesmo, organizáronse obradoiros sobre o traballo dentro e fóra das aulas.

O día 31 de xaneiro de 2007, o profesor doutor don Fernando Lorenzo Merino, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo presentoulle ao persoal da Facultade o proceso de elaboración e o contido do Libro branco da titulación de Dereito, como coordinador xeral nomeado polas facultades de dereito españolas. Tras explicar as diferentes fases polas que pasou a redacción do texto definitivo, centrouse na análise de cada un dos grandes apartados que se conteñen no libro: situación do grao en Europa, estudo da inserción laboral, competencias profesionais e adaptación da estrutura, contidos e metodoloxía do modelo de converxencia. Despois da súa exposición, abriuse unha quenda de intervencións dos asistentes, onde se debateron os aspectos máis salientables do citado libro, co que rematou a reunión.

A Facultade, organiza, todos os anos, obradoiros para aprender o manexo das diferentes aplicacións informáticas vinculadas ao novo Espazo Europeo de Ensino superior. Deste xeito tense realizado obradoiros de guias docentes e de Moodle.