Presentación

 

Coa publicación do Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña quérese iniciar unha canle de comunicación institucional quer coa comunidade científica quer co conxunto de profesionais que desenvolven o seu labor no ámbito xurídico.

anuarioA revista científica da Facultade de Dereito xorde cunha vocación interdisciplinaria e procura recoller as achegas doutrinais dos investigadores nacionais e estranxeiros que desexen poñer de manifesto o resultado das súas investigacións á comunidade científica na esfera xurídica. Neste senso, o Anuario está aberto a todas as áreas de coñecemento, como se pode ver a través dos voluminosos números que, desde o ano 1997 ata a data, se publicaron e en que, nunha primeira sección dedicada a artigos doutrinais, se inclúen investigacións da máis variada natureza.

Así mesmo, no entendemento de que o Dereito ten non só unha vertente teórica, senón tamén unha práctica, no Anuario dedícase unha sección a Comentarios de Xurisprudencia. Nela participan expertos dos diferentes ámbitos do Dereito Positivo que analizan as diversas sentenzas ditadas por órganos xurisdicionais, quer nacionais quer estranxeiros.

A actualidade científica acha o seu acomodo nunha terceira sección baixo o título de Recensións, Notas e Varia. As referencias a monografías xurídicas que aparecen no mercado e que poden presentar un certo interese científico, así como os congresos, os seminarios, as xornadas, as reunións ou as conferencias impartidas constitúen o seu contido.

Por último, tamén se quere facer chegar á comunidade universitaria os resultados da investigación realizada no centro polos nosos novos investigadores, ao recoller nunha cuarta e última sección un resumo sintético das teses de doutoramento defendidas na Facultade de Dereito desta Universidade.